O Cadro de Teatro

Coa fundación de Cántigas da Terra, créase o seu Cadro de Teatro, debutando ante o público o 12 de xullo de 1917 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa peza “A festa da patrona de Tabeirón” de Enrique Labarta Pose. Estaban dirixidos artisticamente por Leandro Carré Alvarellos e Xosé Iglesias Roura. O Importante era “encher os teatros de público co Teatro Galego”, e nese camiño traballouse.

O 10 de novembro de 1917 estréase no mesmo teatro “Pra vivir ben de casados“ de Carré que encheu os teatros de todo o País representada tamén por outros moitos grupos de Galicia e América. Logo representáronse “O Pazo” de Manuel Lugrís, “A ruín matéria”, “Sabela”, “Copas e bastos”, “Feromar” de Galo Salinas, “Tolerias”, “Enredos” e “A primeira conquista” de Carré, “Limpa, fixa e dá esplendor” de Xacobe Casal , “Almas sinxelas” de Lameiro, “Na casa do ciruxano” de Roxelio Rivero e Telésforo Sestelo, “A patrea do labrego” de Antón Vilar Ponte,... Converténdose Cántigas naquela altura, da man de Leandro Carré, nun referente da renovación do teatro galego.

O Engano

“O Engano”, Comedia dramática en tres actos,  foi unha das tres obras de Leandro Carré Alvarellos que obtivo “Accésit” no Certame convocado pola Irmandade da Fala en Betanzos en xuño de 1919. O manuscrito da obra está datada en setembro de 1919.

A obra publicada en 20111 nunca chegou a estrearse, aínda que si ensaiada en 1924 pola Escola Dramática Galega, e non representada posiblemente por mor da legalidade da ditadura de Primo de Rivera.

Asegundo o seu autor: “é unha chamada á mocidade artística e literaria; á cantos senten un ideal de grandeza espiritual, para que non deixen  á Galicia, para que adiquen o esforzo da súa intelixencia á laborar no propio fogar, na propia terra” (Carré 1923 c:5)2.

En Compostela nun marco de humor ácido, Ernesto despois de ler na prensa un artigo escrito por un amigo que esaxera o grande éxito da súa estrea teatral, debate con outros sobre a verdadeira validez desas críticas fronte á opinión do público. Deixase arrastrar pola ambición literaria e polas ansias de triunfo, para ir a onde a súa valía sexa ben recoñecida. Desoíndo os consellos de algún amigo, moza  e familia, emigra a Madrid animado pola irmá e  falsos amigos, coa intención de converterse nun destacado persoeiro, deixando o negocio, a familia, moza e amigos por acadar a fama na capital.

Pasa o tempo e non se reciben novas del, buscan na prensa da capital e non as atopan. Pasado o tempo un amigo que ven de Madrid infórmaos que Ernesto está facendo traballos que nada teñen que ver coas súas aspiracións, e tampouco ten axuda dun suposto amigo que o despreza publicamente, o mesmo que o animara a irse e que quería unha acta de Deputado, fórase a rogala alá para trunfar coa política  na corte, sen acadala.

Despois de festexar o regreso de Ernesto, ben acollido por todos os que o animaran a traballar pola súa terra, xorden as preguntas do seu fracaso. Pese aos apoios destes, vive nunha profunda frustración, lembra versos de Rosalía de Castro e medita nas razóns da súa decepción na capital do Reino. Ao final cae na conta do seu fracaso e na súa imposibilidade de afrontalo.

1.- A obra foi publicada en 2011 por: Biscainho-Fernandes, Carlos-Caetano (ed.), Leandro Carré. Teatro recuperado: O pago, O engano, Un caso compricado, A Coruña, Biblioteca - Arquivo Teatral "Francisco Pillado Mayor", 2011, 241 pp. [ISBN 978-84-9746-492-2].

2.- Cita do libro   LEANDRO CARRÉ. UN SÉCULO DE CULTURA E COMPROMISO, de Xosé Manuel Maceira Fernández. Editorial:ALVARELLOS de edición:2014ISBN:978-84-89323-53-7