21º Ciclo – EDICIÓN 2026

Ciclo de Coros Galegos

21º Ciclo – EDICIÓN 2026

Ciclo de Coros Galegos
O xa consagrado Ciclo de Coros organizado por Cántigas da Terra chega un outono máis á cidade da Coruña fiel ó seu obxectivo de recuperar e divulgar o folclore galego en calquera das súas expresións. A programación, consistente de galas, palestras, obradoiros e concertos, desenvolverase entre o Teatro Rosalía de Castro, o Circo de Artesáns e a Fundación Luís Seoane.

A programación desta edición articúlase en tres xornadas e dará comezo o vindeiro sábado 26 de setembro co Cadro de Teatro de Cántigas da Terra levando a escena “A Tía Lambida” de Eduardo Blanco Amor (Circo de Artesáns, 12:00). O domingo no Rosalía de Castro contaremos cunha gran produción a cargo de Os de Algures, Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, Soalleira de Dorrón, Tarabelo Teatro, Danza e Teatro Cafuné, Sete espadelas e Leña as ferreñas, quen presentarán a emblemática “Os vellos non deben de namorarse” oitenta e cinco anos despois da súa estrea en Uruguai. Cántigas da Terra sumarase tamén ó elenco desta adaptación que pola súa fidelidade á visión escénica de Castelao, recuperando o vestiario da obra gráfica orixinal e as indicacións do autor sobre elementos, escenografía, movementos e músicas tradicionais.

A segunda xornada pon o foco na montaña luguesa, buscando mostrar algunas das manifestacións da cultura tradicional menos coñecidas polo gran público. O sábado 17 comezará cun obradoiro matinal sobre a pandeira, un dos instrumentos máis característicos da comarca dos Ancares, a cargo de Felisa Segade. A recoñecida intérprete achegará os diferentes xeitos de tocar o instrumento e as referentes históricas do mesmo. A trompa será a protagonista da tarde, da man de Javier María Rodríguez, autor do libro-CD «Herminio Villaverde. A trompa na Fonsagrada» e Ramón Almuiña, editor da publicación. Xuntos repasarán a organoloxía do instrumento, a súa técnica e os principais intérpretes históricos. A modo de peche, Cántigas e Frores, de Lugo, presentará o domingo un espectáculo construído a partir de bailes e cantos tradicionais da montaña; e Cántigas da Terra ofrecerá unha escolma do repertorio conservado no seu arquivo, froito do labor de recollida realizado nesta comarca ao longo do tempo.

A terceira e última das xornadas xira en torno Alejandra Murguía de Castro, primeira filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e unha das grandes figuras na recompilación de melodias tradicionais e colaboradora de autores como Casto Sampedro y Folgar, Perfecto Feijoo ou Víctor Said Armesto. O sábado 28 comezará cunha palestra de Xavier Groba sobre a súa figura, e pola tarde Luís Correa “O Caruncho” traerá os seus “Poemas no peito”, un recital musicado adicado ás nosas poetas desde Rosalía de Castro a Olga Patiño ou Marta Dacosta.

Como peche da edición, o domingo 29 pasará polo escenario do Teatro Rosalía a agrupación Retranqueiros de Ames; e Cántigas da Terra, con todo o seu elenco artístico, levará a cabo un especial sobre a figura de Alejandra Murguía. O público poderá escoitar de novo algunha das melodías que recolleu e coñecer un pouco máis da súa figura a través do cadro de teatro.

*Toda a programación é entrada de balde agás o obradoiro de pandeira que precisa de inscrición previa enviando correo electrónico a info@cantigasdaterra.com, poñendo no asunto "inscrición obradoiro de pandeira" (do 1 ó 10 de outubro).
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións talles como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.