Arquivo

Desde a súa fundación, Cántigas da Terra vén impulsando un arquivo de grandísima importancia para a cultura galega e, en especial, para a música patrimonial.

Xerardo Roque Lagüela, un dos principais impulsores da entidade, foi o seu primeiro arquiveiro-bibliotecario. Encargouse de coordinar traballos de colección e transcrición de cantos e músicas tradicionais, alén de custodiar todo o patrimonio que o Coro ía xerando coa súa actividade.

Actualmente, a equipa de traballo desenvolve catro liñas de acción simultáneas:

  • Dixitalización e catalogación do fondo propio
  • Difusión do fondo en publicacións, xornadas e conferencias
  • Tramitación das consultas ao fondo
  • Localización e dixitalización de documentos noutras coleccións e arquivos

O Arquivo é, pois, un ente vivo que cada ano recibe ducias de achegas, proporciona materia de estudo a investigadores e amosa ao público en xeral unha realidade viva a través dos espectáculos e actividades do Coro.

O fondo documental

O Arquivo de Cántigas da Terra custodia un dos fondos máis completos da súa clase, abranguendo importantes coleccións de partituras, obras de teatro, instrumentos, escenografías, cadros, programas de man e variada documentación de persoeiros vencellados ao Coro.

Canto ás partituras, custódiase un importante patrimonio de música cantada en galego, tanto popular como culta, recompilada e producida ao longo de máis dun século polos máis célebres compositores galegos. Entre elas o ben coñecido “Quer que lle quer” con brillante harmonización do primeiro director Mauricio Farto, unha colección de cantos populares celosamente manuscritos polo mestre Adolfo Anta e composicións doutros autores destacados como Adalid, Montes, Veiga, Chané, Baldomir, Garaizábal, Fernández Amor ou Rodrigo de Santiago.

Na arte dramática destacan obras de teatro das prumas máis sinaladas da cultura galega do primeiro terzo do século XX, en grande medida vencelladas ás Irmandades da Fala. Creacións de Carré Alvarellos, Lugrís Freire, Vilar Ponte, Xaime Quintanilla, Marcelino Mesquita… Ademais cómpre mencionar as importantes coleccións de escenografías de Camilo Díaz Baliño e Iglesia de Souza, entre outros.

Dúas zanfonas centenarias, unha que pertenceu ao pai dos Coros Galegos Perfecto Feijóo e outra ao crego Saturnino Cuíñas, presiden a colección de instrumentos. Séguenlle uns punteiros construídos hai un século polo Tintoreiro do Orzán e outro moi posiblemente por Manuel Villanueva, coleccións de gaitas de Basilio Carril e Xosé L. Bao e até un harmonio co que o mestre Farto compuxo as súas obras.

Para consultas e información sobre os nosos fondos pódeste dirixir a: arquivo@cantigasdaterra.com

Escolas da Terra 2022-2023