Máis de cen anos cantando en galego

“Na fundación de Cántigas da Terra non só houbo amor á terra, que xa é moito amor.
Houbo tamén unha intelixencia colectiva que soubo ollar cara o pasado e cara o futuro”.

Manuel Rivas.

Cántigas da Terra é unha entidade musical e cultural de carácter asociativo e sen ánimo de lucro que desenvolve ininterrompidamente a súa actividade na Coruña desde hai máis de cen anos. Xorde no contexto galeguista da creación das Irmandades da Fala, movemento centrado na recuperación da identidade galega, o uso do galego e a defensa da cultura propia.

Neste momento clave —marcado polos inicios da globalización e o declive da sociedade agraria— Cántigas da Terra nace como un proxecto integrador que fai xermolar o canto, o baile, o teatro, a poesía ou a pintura, reaccionando fronte ao esquecemento e ao menosprezo do propio.

1. Fundación, sedes e primeiros fitos artísticos

O Coro Galego Cántigas da Terra constituíuse legalmente o 28 de decembro de 1916 na cidade da Coruña no barrio das Atochas. O nome foi proposto por José Iglesias Roura, membro da Academia Galega. Estreitamente ligado a Monte Alto, a súa primeira sede na rúa Panadeiras estaba situada nun punto neurálxico da vida e comercio da cidade. En 1935 instálase na á rúa San Xoán ata o 2005, cando se trasladou á rúa Ángel Rebollo, onde permanece na actualidade. A vinculación co seu barrio mantense coa realización no mesmo de concertos e actuacións que amosan o traballo da entidade.

A nova formación estréase o 12 de xullo de 1917 no Teatro Rosalía de Castro, cun coro de homes e decorados de José Souza feitos para a ocasión e regalados ó coro por Eduardo Rodríguez Losada. O programa incluíu repertorio tradicional e a obra A festa do Tabeirón de Enrique Labarta Pose. Dende esa data, o colectivo desenvolve unha intensa actividade como a homenaxe a Castro Chané, ou tributos a diferentes persoeiros galegos como Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Concepción Arenal ou Sofía Casanova. Aparece tamén a actividade fóra do país (Asturias, Cantabria, Madrid…). Froito dela, en 1918 deputados rexionalistas cataláns ofreceron un estandarte bordado en ouro que presidiu as actuacións do coro até os anos 60. En xaneiro do 1921 realizan a súa primeira gravación nun disco de lousa para o selo Odeón (Barcelona).

2. A incorporación das mulleres e a proxección institucional

A participación das mulleres na entidade materialízase ó pouco da estrea: na representación de Pra vivir ben de casados (Leandro Carré) solicítase a inclusión de mulleres no Cadro de Teatro, e xa nas actas do 6 de marzo de 1920 pídese o mesmo no Coro. En abril dese mesmo ano, as señoritas Pérez e Amor están presentes na Xunta Xeral; e finalmente en 1922, en Corcubión, o coro fai a súa primeira intervención en público contando con sopranos e contraltos.

A sona do coro esténdese e participa en diferentes recepcións para autoridades como o monarca Afonso XIII na súa visita a Galicia, ou para mestres como Max Friedlander, Fran Wanner ou Simor Breu; e tamén forma parte de iniciativas como a inauguración en 1934 do monumento a Curros Enríquez nos xardíns de Méndez Núñez. As viaxes polo estado español continúan, realizándose unha xira por Andalucía no 1930, ou o festival na honra de Alcalá Zamora en Barcelona en 1934. Á volta do mesmo, Cántigas da Terra é nomeado órgano oficial do Concello da Coruña polo alcalde Suárez Ferrín.

1934: Viaxe a Cataluña

3. Persoeiros fundacionais e resistencia cultural durante a ditadura

Nos inicios do Coro pasaron por Cántigas numerosos persoeiros da música e folclore galegos como Mauricio Farto Parra (primeiro director), Manuel Fernández Amor (gaiteiro e posteriormente director do coro), Leonardo Carré Alvarellos (director do grupo teatral) ou Eladio Rodríguez González (primeiro presidente). Así mesmo, tiveron unha estreita vinculación coa agrupación Eladio Rodríguez González, Antón Vilar Ponte, Manuel Abelenda Zapata, Jose Luis Bugallal y Marchesi, Felicidad Moreno, Elvira Bao ou Xerardo Roque.

Co golpe de estado do 1936, Cántigas sobrevive adaptándose ó réxime ditatorial. Porén, consigue manter o galego no seu repertorio e négase a integrarse na Sección Feminina; dous feitos que simbolizan a súa postura galeguista aínda nestes tempos escuros. Pese ó descenso da actividade, o ideario cultural de Cántigas continúa: no 1940 actúa no Teatro Rosalía de Castro con decorados de Camilo Díaz Valiño, e no seu festival anual continúa estreando obras como Era outra vez no muíño de Laureano Álvarez e González Enríquez.

Estrea Brétemas e Raiolas 1946 Fondo Cenamor

4. Viaxes internacionais e recuperación da actividade coa democracia

As xiras e viaxes internacionais son unha constante na historia do Coro; especialmente a partir dos anos setenta cando, xunto á democracia, o Coro recupera gran parte da súa actividade e acada proxección internacional, xirando por Suíza, Alemaña e Francia en 1980. Posteriormente, o coro visitaría Inglaterra, Arxentina ou Brasil, froito da irmandade da cidade da Coruña con Recife. Cómpre sinalar, ademais, a viaxe realizada en 1954 ó Festival de Brest (Francia), onde Cántigas acada a denominación de “nación celta” para Galicia. O coro visitou á Bretaña en diferentes ocasións destacando as intervencións no Festival Intercéltico de Lorient.

Outubro 2003: Inauguración novas instalacións

A actividade do Coro intensifícase coa entrada no presente século, comezando a facer colaboracións con diferentes colectivos como Milladoiro, Susana Seivane ou Treixadura; e participacións en programacións como Forumfolk, Achegarte ou Culturgal. Nesta liña, o programa Alalá da TVG dedícalle un especial (2009), e na seguinte tempada a agrupación volta a Lorient para representar a Galicia no seu Festival Intercéltico. Co gallo do centenario, Cántigas intensifica a súa actividade e inicia un programa no que colabora con grupos como a Municipal de A Coruña, a Banda de Vilalba ou Os Melidaos; e con entidades como o Conservatorio Superior de Música de A Coruña ou a Real Academia de Belas Artes.

5. Programación propia, colaboracións e novos formatos escénicos

Ademais destas colaboracións, Cantigas da Terra promove unha programación propia. Como nos seus inicios, organízanse homenaxes a persoeiros tanto da propia entidade como da cultura galega (Emilio Corral Vázquez, Xosé López Bao, Brisas da Cruña…); así como exposicións e obradoiros especializados en cultura e música tradicionais. Paralelamente, organiza desde o 2004 o Ciclo de Coros Galegos, un evento que xorde como un punto de reunión para os coros históricos, pero que co paso das edicións abriu a súa programación a outras formacións que teñen a tradicional oral como referencia, ata consolidarse como un evento de referencia na Coruña.

Igualmente, o Coro levou a escena diferentes espectáculos orixinais nos últimos anos, como “Sempre te encontro cantando” (2019), “Os rexistros sonoros 100 anos despois” (2020) ou “Arredor da Roda” (2021). En relación a este último, ademais do espectáculo ó vivo (onde o Coro se mesturou con grandes intérpretes do instrumento como Luís Correa “O Caruncho”, Germán Díaz ou Iván Abal), produciuse unha peza audiovisual coa zanfona como eixo e a Miro Casabella como protagonista. O espectáculo tivo moi boa aceptación nos festivais de zanfona do país, onde o público puido apreciar a gran versatilidade deste instrumento así como a súa simbiose cun coro galego.

6. Recoñecementos, formación e continuidade do proxecto cultural

Froito desta intensa actividade, o Coro recibiu ó longo da súa historia numerosos galardóns nacionais e internacionais que manifestan o recoñecemento á súa actividade, como a Medalla Castelao, o Pedrón de Ouro, a Medalla de Ouro ao Mérito Artístico da Coruña ou a Medalla de Ouro Marcial del Adalid da Academia de Belas Artes, entre outras.

Unha das achegas máis recentes da entidade é a iniciativa Escolas da Terra, proxecto educativo para a divulgación e difusión da cultura tradicional galega que aposta por un ensino integrador entre o legado cultural galego, os xeitos tradicionais de aprendizaxe e as técnicas didácticas máis innovadoras; dando lugar a unha oferta educativa ampla e diversificada que pretende proporcionar ó alumnado unha formación completa no eido artístico. O estudantado, que supera a centena, aprende a valorar e gozar do noso patrimonio cultural, sempre dun xeito lúdico e interactivo. Ademais, a escola é un chanzo máis para que o alumnado acceda aos colectivos oficiais de Cántigas da Terra.

Fiel ós piares fundacionais de Cántigas da Terra, na actualidade a proposta artística do Coro conta coas seccións de Coro, Grupo de Gaitas, Corpo de baile e Cadro de Teatro. A entidade continúa a traballar na normalización da lingua galega e na relación entre as distintas disciplinas culturais, cumprindo coa visión dos seus fundadores.

Por meiazón distes coros […] puidera sere –até o d’agora non foi- qu’o tempo que van espertando o agarimo aos cantares enxebres, esperten tamén o agarimo á terra. Pra chegare a iso, é mester, perciso, fondamente perciso, qu’os rapaces que cantan nos coros, sexan tan galegos cando cantan ou representan coma cando non o fan.

“Un coro galeguista máis”, A Nosa Terra, 20 de xullo de 1917.

Cántigas da Terra

Cántigas da Terra forma parte da nosa realidade máis intelixente, máis sensíbel, e máis querida.
Qué viva e floreza a nación das cántigas.
M. Rivas

1916
1916

Nacemento dunha entidade cultural

Fundación do Coro Galego Cántigas da Terra na Coruña, vencellado ás Irmandades da Fala e á tradición popular.

1917
1917

A primeira voz pública

Estrea no Teatro Rosalía de Castro e inicio dunha intensa actividade artística e social.

1922
1922

Un coro mixto

Primeira actuación pública con participación de mulleres, marcando un paso decisivo na historia da entidade.

1954
1954

Galicia, nación celta

Recoñecemento internacional no Festival de Brest, onde Galicia é nomeada simbolicamente “nación celta”.

2004
2004

Primeira edición do Ciclo de Coros

2005
2005

Primeira edición da Muiñada de Cántigas

2013
2013

Inauguración da Praza Cántigas da Terra nas Atochas

Actualidade
Actualidade

Tradición viva

Cántigas da Terra continúa a súa actividade artística, educativa e escénica, unindo legado e contemporaneidade.

Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións talles como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.