O Coro Galego

Cántigas da Terra é unha entidade cultural sen ánimo de lucro que desenvolve ininterrompidamente a súa actividade desde 1916 na cidade da Coruña.

Cántigas é un colectivo moi amplo que integra dentro dun mesmo espectáculo cantos, bailes, música para instrumentos tradicionais, teatro… Todos estes elementos conflúen nunha mesma proposta global que pretende poñer en valor a riqueza da cultura galega.

A formación aposta por un proxecto actualizado sen renunciar aos obxectivos orixinais do colectivo, formulados hai máis de cen anos. Así pois, dentro da nosa proposta podemos atopar melodías xenuínas interpretadas tal e como se conservan no noso arquivo ata versións actuais que pretenden explorar afondar nas posibilidades sonoras das voces e instrumentos tradicionais no seu conxunto. Deste xeito, mesturamos elementos antigos con arranxos sofisticados, un pé no pasado e outro no presente, unha proposta fresca e actual sen perdermos a raíz e a esencia do que é Cántigas da Terra, a cerna do folclore na Coruña.

Sempre te encontro cantando

O canto é inherente ao pobo galego: cantábase nas fiadas, nos alpendres, na horta. Cantábase para arrolar e durmir os cativos, para namorar, para aprender, para socializar... O canto acompañaba a vida cotiá das persoas; ben o sabemos en Cántigas da Terra grazas aos nosos compiladores que durante décadas foron recuperando melodías para o arquivo da entidade. Por iso, neste espectáculo temos o canto como eixo central, facendo especial fincapé nas comarcas de Bergantiños, Pontevedra e A Coruña. Está conducido polo Cadro de Teatro que, dun xeito ameno, aporta informacións sobre o repertorio, así como a narración de contos e lendas.

O primeiro dos bloques comeza en clave humorística facendo referencia a Carlos Díaz “O Xestal” a través dos seus contos. Tamén lembramos a Saturnino Cuiñas, íntimo amigo do noso antigo director, Adolfo Anta Seoane. Xuntos recompilaron moitas melodias que recuperamos para este espectáculo onde interpretamos unha selección de Cantos da Costa da Morte arranxados, ex professo, para o coro e unha formación de instrumentos tradicionais: zanfonas, requintas, pandeiros, tarrañolas, gaitas… que, combinados entre si, aportan unha sonoridade aos cantos completamente renovada e orixinal, mais sen perder a forza, bravura e as singulares características do repertorio desta bisbarra.

No segundo movemento, queremos incidir nas figuras de Perfecto Feijoo e Casto Sampedro. Don Perfecto foi boticario na Pontevedra de finais do século XIX e pasou á historia por ser o gaiteiro e líder do precursor “Aires da terra”, xermolo dos coros galegos.

Escolas da Terra 2022-2023