Escolas da Terra é o proxecto educativo de Cántigas da Terra. Coro galego en activo desde 1916 cos obxectivos de dinamizar culturalmente a través do folclore galego. Escolas da Terra é creado para a divulgación e difusión da cultura tradicional galega apostando por unha ensinanza que integra o legado cultural galego e os xeitos tradicionais de aprendizaxe coas técnicas de ensinanza máis innovadoras, unha oferta educativa ampla e diversificada que pretende proporcionar ao alumnado unha formación completa no eido artístico.

O alumnado que se achega ao noso centro de ensino aprende a valorar, comprender e coñecer o noso patrimonio dun xeito lúdico e interactivo. Ademais, poderá acceder aos colectivos oficiais da entidade para facer a súa experiencia moito máis enriquecedora e frutífera. Escolas da Terra ensina música tradicional desde unha perspectiva actual onde se pon en valor o método de aprendizaxe, os contidos e a relación co alumnado.

O centro busca unha ensinanza multidisciplinar na que se impartan tanto as especialidades instrumentais apoiadas nun estudo teórico musical como outra disciplinas artísticas como o baile ou o teatro para que o alumnado adquira unha formación integral e desenvolva a súa sensibilidade artística e social. A través desta proposta interdisciplinar, foméntase a participación do maior número de persoas apostando por unha ensinanza variada, socializadora e completa artísticamente falando. Un centro de estudos que ten como eixo central o folclore e a cultura galega nas súas diferentes expresións.

Escolas da Terra conta con todos os recursos que ofrece Cántigas da Terra, entidade abalada con máis de cen anos de compromiso e actividade incansable polo folclore e a cultura galega. O alumnado asiste con frecuencia aos actos que organiza a entidade, uns 30 concertos, exposicións, palestras, presentación de publicacións…

A ficha de matrícula, disponíbel aquí pódese adiantar por correo a info@cantigasdaterra.com ou por whatsApp ao 654 413 467.