Profesorado

Miro Casabella López

Tonecho Castrelos Boutureira

Elisa Concheiro Veleiro

Antón Fernández Riveiro

Isabel Risco Valdivieso

Alexandre Ruiz Vázquez

Luís Sánchez Bolón

Jose Luis Vázquez Rosales

Miro Casabella López

Todo un referente histórico da canción galega. Comeza a cantar no ano 1966, incorporándose dous anos despois ao colectivo Voces Ceibes, con quen grava o seu primeiro disco. Axiña toma contacto coa zanfona sendo coñecedor de todo o legado do grande impulsor Faustino Santalices. Os mestres Paulino, Xesús e Luciano Pérez, tres xeracións apaixonadas no obradoiro da Deputación de Lugo teñen moito a ver desde entón na súa vida e na construción das súas primeiras zanfonas.

Desde 1979 ten participado e colaborado en grupos como Doa ou Luar na Lubre, alén de destacar como intérprete solista.

Tonecho Castrelos Boutureira

Comeza os seus estudos musicais en violín no Conservatorio da Coruña rematándoos no  Conservatorio de Santiago. Paralelamente formouse no ámbito da música tradicional como percusionista en distintas formacións.

Foi músico de bandas folk como, Susana Seivane, Queda Folk, Roi Casal e colaborou con grupos como Milladoiro entre outros.

Na actualidade compaxina a súa labor docente en distintas asociacións como Queiroa (Sada), Xebre (A Coruña) e Cántigas da Terra co dúo Tonecho Castelos & Pablo Esqueira con quen editou o disco Nas Mariñas.

Elisa Concheiro Veleiro

Naceu na Coruña o 10 de agosto de 2001, iniciando os seus estudos musicais aos 5 anos da man da profesora de violín Beatriz Rodríguez Caridad. Aos 8 anos ingresou no conservatorio Profesional da Coruña, onde foi alumna dos profesores de violín Isabel San Juan e Javier Cedrón, estudos que terminou cun 9 de media en sexto curso de grao Profesional. No ano 2010 foi admitida na Orquesta de nenos da Orquesta Sinfónica de Galicia, onde traballou ata o ano 2017 cos profesores Enrique Iglesias e Jorge Montes.

Na actualidade estuda 4º curso de Grado Superior no Conservatorio Superior da Coruña, tras cursar Bacharelato artístico e superar a selectividade. Acudiu a cursos cos profesores Raquel Castro, Cibrán Sierra e Pedro Rodríguez. Recibiu clases do profesor Marcelo González Kriguer. No curso 2017-2018 formou parte da Escuela de Altos Estudios musicais de Santiago de Compostela, onde recibiu clases da profesora Adriana Winkler. No ano 2019 foi admitida como alumna reserva na Orquesta Joven da Orquesta Sinfónica de Galicia. Xa no ano 2021 é admitida como alumna activa na Orquesta Joven da Orquesta Sinfónica de Galicia.

Antón Fernández Riveiro

Inicia a súa andaina como mestre de baile en 1980 na agrupación Os Gaiteiriños, labor que continúa hoxe en aulas de pandeireta. Exerce de monitor de Danza Tradicional na Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas no Exterior da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia entre 1988 e 1989. Tamén nos oitenta dirixe o grupo Ecos do Mero, continuando até a actualidade. Dirixe a Coral de Cecebre de 1998 a 2003. É director do Coro Galego Santa Comba de Veigue desde 1990 e do grupo Dorna de Dorneda desde 2005.

Isabel Risco Valdivieso

Comeza a súa andaina en grupos de teatro universitario da Coruña, na escola Casahamlet e asistindo a cursos monográficos con mestres como John Strasberg, Eric de Bont, Jango Edwars, John Wright, Leo Bassi, Serge Nail, Kirko Koski, Alfredo Rodríguez, Tom Greder, Claudia Contín, Angel Burgos, Sophie Gazel, Carlo Colombaioni, Pablo Muñoz, Johns Pappila, Manuel Lourenzo, Carlo Bosso, etc..

Dende o ano 2000 participa en espectáculos profesionais nas compañías Pérez&Fernández, Redrum Teatro, Ibuprofeno Teatro, Espello Cóncavo, Culturactiva, Os sete magníficos máis un, Manicómicos e Produccións Desaqueloutradas, coas que ten participado nalgúns dos festivais de teatro e clown máis importantes da península, e na compañía Maquinaria Pesada, con espectáculos de produción propia como As Vingadoras ou Nabiza Girl & Unha Viaxe EspaZial ou Bravas. Dende o ano 2001 forma parte da compañía Trinketrinke teatro, especializada en teatro infantil e dinamización á lectura.

No 2005 gradúase en Pedagoxía Teatral na Universidade da Coruña, aínda que vén desenvolvendo a actividade de monitora de teatro en colexios dende o 2001.

No ámbito do audiovisual, traballa como actriz secundaria e protagonista en series como Padres Casares, A vida por diante, O Nordés, Air Galicia, Era Visto!, A Casa da Conexa, Os Caseiros, Casa Manola ou Augasquentes e outros programas da TVG como O Show dos Tonechos, En Pé de Festa, Zapping Comando, Máxima Audiencia, Luar, A Solaina, BumBumBumeran, Heicho Cantar, Land Rober, Tourilandia, Land Rober Tunai Show, etc; ademais de realizar curtas, publicidade e algunha longamentraxe, como Os mortos van de présa, Onde está a felicidade?, 9 Ondas ou Pelerinaxes.

Na XII Edición dos Premios do audiovisual galego recibe o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto polo personaxe de Dona Hortensia en Era Visto! Producida por Zopilotes para TVG. Na 26 edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño, setembro de 2015, recibe o premio á mellor actriz polo seu papel en O Furancho de Ibuprofeno Teatro.

Alexandre Ruiz Vázquez

Iníciase no mundo da gaita da man dos mestres Leonardo Corral, Xosé Casal e Ricardo Santos, tocando en formacións como Os Gaiteiriños (A Coruña), Gaiteiros da Ponte Vella (Ourense), Os Viqueiras (Ordes) ou Cántigas da Terra. Ten realizado cursos de gaita escocesa, de fabricación de palletas e de gaita na técnica de pechado. Acada varios premios para cuarteto en Ponteareas, Cerdido e Padrón.

Comeza a estudar linguaxe musical con Isolino Otero da Banda Militar da Coruña e na actualidade realiza o grao profesional de gaita no Conservatorio de Carballo. Tamén completa a súa formación con aulas de requinta e clarinete.

Dirixe o Coro Arumes da Fraga e o grupo de gaitas da A.C. Semente Nova e ademais co-dirixe o da A.VV. Santaia de Santa Cruz.

Dirixe o Grupo de Gaitas e Percusión no Coro Galego Cántigas da Terra.

Luís Sánchez Bolón

Nace na Coruña en 1995, aos 8 anos comeza os estudos regrados de Gaita Galega que complementa con formación en frautas traveseiras, percusión, gaita e zanfona cos músicos Xosé Lois Romero e Suso Vaamonde. Así mesmo, asistiu a cursos con Carlos Núñez, Dani Bellón, Cristian Silva (gaita); Luís Prego, Aleix Tobias, Xisco Feijoo (percusión); Carmen Rey (canto); Efrén López (producción musical). Posteriormente estuda no Conservatorio Superior de Vigo con Lorena Freijeiro, Iván Abal e Carlos Castro, onde acada o título de grao superior en interpretación dos Instrumentos da Música Tradicional e Popular.

Levou a cabo diferentes concertos e recitais por todo o país e participou como músico solista coas Bandas de Música de Sada e Sementeira de Cambre en diversas ocasións. Realizou a composición e interpretación musical da Banda sonora da obra teatral Bath time, producido por Katarsis Educación y teatro. Como docente, impartiu clases na A. C. Arume de Caión, Universidade de Vigo (Escola de Forestais), EMM Abegondo…

Actualmente, é director artístico de Cántigas da Terra e mestre de instrumentos populares na Escola de Música Sementeira de Cambre, ademais é integrante do colectivo Os Melidaos e Cantometrics.

Jose Luis Vázquez Rosales

Iníciase no baile aos catro anos en Xacarandaina. Desde os quince aos trinta forma parte do Grupo de Música e Baile Tradicional nesta asociación. No 2006 realiza un traballo de investigación sobre o folclore galego para a Fundación SonDeSeu. Ten impartido clase de baile en distintos centros galegos como o de Castellón, Barcelona ou París.

Actualmente é mestre de baile no Grupo de Baile e Gaita Santaia de Santa Cruz (Oleiros) e en centros de ensino da comarca.