As zanfonas históricas da Galiza xa poden ser visitadas virtualmente

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo vén de apresentar un catálogo coas zanfonas históricas máis representativas da Galiza. Neste traballo participou Cántigas da Terra, através do seu Arquivo, na documentación das dúas zanfonas que custodia e tamén na zanfona conservada polo Museu de Belas Artes da Coruña.

Após seren realizadas as investigacións, determinouse que a zanfona de Saturnino Cuíñas Lois data do século XVIII segundo as informacións que o propio crego achegou para a imprensa no día mesmo que foi doada ao Coro (1945). Tamén doutro instrumento do Arquivo, a zanfona pertencente a Perfecto Feijóo, anotouse a antiquísima procedencia: un cego pagou con ela o seu enterro en Beleiro (sic) e posteriormente o cura desa parroquia vendeulla ao Gaiteiro do Lérez, segundo narra José Luís Calle.

Tamén a zanfona conservada no Museu de Belas Artes ten unha traxectoria singular. Pertenceu a Francisco Catoira Abelenda, presidente que foi de Cántigas da Terra e do Circo de Artesáns. Este cedeuna para ser usada na ópera "O Mariscal" con música de Eduardo Rodríguez-Losada e libreto de Ramón Cabanillas. A partir das fotos realizadas por Samaniego e as crónicas xornalísticas afirmamos con certeza que foi este o instrumento usado e o seu intérprete foi Venancio Deus, fundador do Deportivo da Coruña e corista de Cántigas, cantando a dúo con Julia Catoira.

Grazas ao traballo da equipa da Centrad, coordinado por Luciano Pérez, estas e outras zanfonas históricas poden ser visitadas dixitalmente na seguinte ligazón:


https://cultura.deputacionlugo.gal/gl/centrad/catalogo_zanfonas


12 de febreiro de 2022

Escolas da Terra 2022-2023