A tía Lambida
Teatro galego, humor e identidade
O Cadro de Teatro de Cántigas da Terra, seguindo coa súa traxectoria de poñer en valor o teatro galego e asemade os propios textos que nos foron entregando diferentes persoeiros da nosa literatura e activismo cultural, ao longo de toda a súa historia ata hoxe, decidimos levar a escena unha peza das que nos deixou o prolífico e gran literato Eduardo Blanco Amor, un escritor completo, que abordou todos os estilos literarios dun xeito moi de seu, o que o converte nalguén único e de grande atractivo. Cunha grande facilidade para a retórica, que manexaba con destreza e grandeza. A lingua que deprendeu de neno transformouna nun tesouro literario inzado de vocabulario e precisión semántica. Gran parte da súa obra amosa unha realidade moi próxima, coa que todas e todos nos podemos identificar; pola que parece non pasase o tempo, e ademáis de que a dotou de certa acedume tamén soubo adobiala con humor, poética e unha feitura única que transmite unha infinda sensibilidade e amor polo noso. Tamén foi, por tanto, un gran compositor de comedia, e nesta chave é coa que decidimos camiñar nesta nova proposta.
Xa que logo foi quen de rexistrar de xeito moi atinado a nosa realidade e o noso humor propio, con el e unha das súas pequenas pezas, viaxaremos a unha comarca de renome, o Ribeiro, para rir cunha situación que non por cotiá deixa de ser menos orixinal e divertida grazas tamén a uns personaxes ben construídos e recollendo de xeito impecábel os diferentes caracteres de cada un dos personaxes. Peza que leva por título A Tía Lambida.
A que nos, con certo atrevemento, mais sempe con total e absoluto respecto por este mestre das letras galegas, engadimos máis personaxes seguindo as súas instrucións, as que deixa coa intriga desta peza, tanto de estructura e proposta formal como de estilo e xogo de humor. A proposta ten un forte carácter pándego e axúdanos a imaxinar máis veciñas e veciños da contorna, esa é a novidade que nos incorporamos; con total respecto e admiración por quen deixou un legado tan impresionante e dun valor incuestionábel. Procurando que a adealla non altere a esencia da orixinal, non distorsione o espíritu que transmite e non desdibuxe a realidade que nos amosa, tanto física como sociolóxica, a paisaxe humana e a natural, e sempre na percura do humor como eixo vertebrador, amosando o que temos moi cerca, o noso propio, tamén como fonte de entretemento.
