Ciclo de Coros Galego
Espazo vivo da cultura oral
O Ciclo de Coros Galegos é un evento que se desenvolve cada outono desde o 2000 na Coruña e que ten como fin a visibilización de colectivos que comparten con Cántigas da Terra o obxectivo de recuperar, preservar e divulgar o folclore galego en calquera das súas expresións. Aínda que a presenza dos coros é central ó ciclo, promóvese tamén a participación doutros formatos tan importantes para o folclore como son os cuartetos tradicionais, as agrupacións de baile (que poden amosar manifestacións da cultural oral galega menos comúns como a regueifa, os cantares de reis…), narradoras orais, e tantas outras formas que dan conta da riqueza da cultura oral galega.
Outro dos aspectos destacados do Ciclo é a reivindicación de figuras representativas da cultura e da arte galega tales como Lolita Díaz Valiño, Urbano Lugrís ou Maruja Mallo, e tamén figuras fundamentais no estudo da tradición galega como Dorothé Schubart, Antón Fraguas ou Saturnino Cuíñas, un dos grandes recompiladores que deixou parte do seu traballo no arquivo de Cántigas da Terra.
O Ciclo está conducido polo Cadro de Teatro de Cántigas da Terra, que contextualiza e aporta información dun xeito entretido e didáctico sobre elementos destacables das propostas das agrupacións ou sobre as personalidades destacadas do ciclo, dándolle asi unha dimensión ao evento que vai moito máis alá dun encontro de grupos.
Así mesmo, a entidade traballa en acadar máis impacto na cidade. É por isto que dende a 19º edición ofértase unha programación variada que complementa os espectáculo no Teatro Rosalía de Castro. Deste xeito, o público ten a posibilidade de participar en diferentes obradoiros e conferencias onde tamén se involucran a outras entidades coruñesas como a A.C. Alexandre Bóveda, a Fundación Luis Seoane, a Academia de Belas Artes… Ábrese así a posibilidade de expoñer o traballo da entidade a un novo público potencial a través de eventos que mesturan o carácter lúdico co formativo.
Tras máis de vinte edicións compartidas co público, estamos ante un da citas máis consolidadas do folclore galego na cidade, que aposta polos espectáculos ó vivo e a divulgación da cultura galega a través dunha programación que combina espectáculos con obradoiros e conferencias en clave de excelencia musical e artística. O festival conta coa colaboración do Concello da Coruña.
Cántigas da Terra
Edicións Anteriores
21º Ciclo – EDICIÓN 2026
O xa consagrado Ciclo de Coros organizado por Cántigas da Terra chega un outono máis á cidade da Coruña fiel ó seu obxectivo de recuperar e divulgar o folclore galego en calquera das súas expresións. A programación, consistente de galas, palestras, obradoiros e concertos, desenvolverase entre o Teatro Rosalía de Castro, o Circo de Artesáns e a Fundación Luís Seoane.
A programación desta edición articúlase en tres xornadas e dará comezo o vindeiro sábado 26 de setembro co Cadro de Teatro de Cántigas da Terra levando a escena “A Tía Lambida” de Eduardo Blanco Amor (Circo de Artesáns, 12:00). O domingo no Rosalía de Castro contaremos cunha gran produción a cargo de Os de Algures, Aula Municipal de Teatro de Pontevedra, Soalleira de Dorrón, Tarabelo Teatro, Danza e Teatro Cafuné, Sete espadelas e Leña as ferreñas, quen presentarán a emblemática “Os vellos non deben de namorarse” oitenta e cinco anos despois da súa estrea en Uruguai. Cántigas da Terra sumarase tamén ó elenco desta adaptación que pola súa fidelidade á visión escénica de Castelao, recuperando o vestiario da obra gráfica orixinal e as indicacións do autor sobre elementos, escenografía, movementos e músicas tradicionais.
A segunda xornada pon o foco na montaña luguesa, buscando mostrar algunas das
manifestacións da cultura tradicional menos coñecidas polo gran público. O sábado 17 comezará cun obradoiro matinal sobre a pandeira, un dos instrumentos máis característicos da comarca dos Ancares, a cargo de Felisa Segade. A recoñecida intérprete achegará os diferentes xeitos de tocar o instrumento e as referentes históricas do mesmo. A trompa será a protagonista da tarde, da man de Javier María Rodríguez, autor do libro-CD «Herminio Villaverde. A trompa na Fonsagrada» e Ramón Almuiña, editor da publicación. Xuntos repasarán a organoloxía do instrumento, a súa técnica e os principais intérpretes históricos. A modo de peche, Cántigas e Frores, de Lugo, presentará o domingo un espectáculo construído a partir de bailes e cantos tradicionais da montaña; e Cántigas da Terra ofrecerá unha escolma do repertorio conservado no seu arquivo, froito do labor de recollida realizado nesta comarca ao longo do tempo.
A terceira e última das xornadas xira en torno Alejandra Murguía de Castro, primeira filla de Rosalía de Castro e Manuel Murguía e unha das grandes figuras na recompilación de melodias tradicionais e colaboradora de autores como Casto Sampedro y Folgar, Perfecto Feijoo ou Víctor Said Armesto. O sábado 28 comezará cunha palestra de Xavier Groba sobre a súa figura, e pola tarde Luís Correa “O Caruncho” traerá os seus “Poemas no peito”, un recital musicado adicado ás nosas poetas desde Rosalía de Castro a Olga Patiño ou Marta Dacosta.
Como peche da edición, o domingo 29 pasará polo escenario do Teatro Rosalía a agrupación Retranqueiros de Ames; e Cántigas da Terra, con todo o seu elenco artístico, levará a cabo un especial sobre a figura de Alejandra Murguía. O público poderá escoitar de novo algunha das melodías que recolleu e coñecer un pouco máis da súa figura a través do cadro de teatro.
*Toda a programación é entrada de balde agás o obradoiro de pandeira que precisa de
inscrición previa enviando correo electrónico a info@cantigasdaterra.com, poñendo no
asunto “inscrición obradoiro de pandeira” (do 1 ó 10 de outubro).
20º Ciclo
Un ano máis, Cántigas da Terra organiza o Ciclo de Coros Galegos na cidade da Coruña. O evento, un dos máis estables na programación do folclore coruñés, cumpre vinte anos preservando e divulgando a tradición galega en xornadas e concertos nos que as diferentes manifestacións da cultura popular pasan polo escenario. Neste aniversario, a institución quere achegar a programación á cidadanía completando os habituais espectáculos do Teatro Rosalía de Castro cunha oferta variada de actividades paralelas.
Este novo formato estréase o próximo 5 de outubro coa primeira destas actividades: un roteiro musical conducido polo músico e escritor coruñés Xurxo Souto. Cantigas e Agarimos (Santiago de Compostela), Toxos e Froles (Ferrol) e De Ruada (Ourense) acompañarán a Cántigas da Terra poñendo a música a un paseo polo casco vello no que o público poderá coñecer de primeira man a vinculación das formacións vocais coruñesas coa cidade e o seu patrimonio. O percorrido finalizará nas portas do teatro Rosalía de Castro, onde os catro coros históricos interpretarán conxuntamente unha obra. A programación continuará, xa dentro do teatro, coa estrea do Conxunto instrumental de Escolas da Terra, o proxecto educativo da entidade coruñesa.
A segunda xornada desta edición terá lugar na última fin de semana de outubro, e comezará cunha charla impartida polo filólogo Xosé Manuel Sánchez Rei (sábado 25, Fundación Luís Seoane) titulada “Aproximación ao cancioneiro tradicional da Coruña”. O domingo a programación seguirá no Teatro Rosalía cunha mostra no clásico formato do Ciclo, onde Cántigas da Terra estará acompañado polos grupos Airiños de Fene e Armadanzas de Laraño.
O Ciclo de Coros Galegos pechará esta edición o 29 e 30 de novembro convidando á reflexión sobre o pasado e futuro das agrupacións corais, comezando coa palestra “Por outros cen anos de foliada!” do musicólogo Luís Costa (sábado 29, Fundación Luís Seoane) e un posterior faladoiro no que representantes de coros galegos, tanto históricos como de recente creación, debaterán sobre o papel destes en relación á música tradicional. A xornada de clausura terá lugar, unha vez máis, no Rosalía, onde o Coro da Rá compartirá cartel con Cántigas, amosando a vixencia do formato coral na música actual.
19º Ciclo
O imaxinario atlántico na voz de Cántigas da Terra.
A cultura tradicional volve ó Teatro Rosalía da man de Cántigas da Terra no seu 19º Ciclo de Coros Galegos.
O Ciclo de Coros Galegos ten como fin a visibilización de colectivos que, como Cántigas da Terra, tratan de recuperar, preservar e divulgar o folclore galego en calquera das súas expresións; incluíndo formatos tan importantes para o folclore como os cuartetos tradicionais e os grupos de baile, que dan conta da riqueza da cultura oral galega.
A presente edición conmemora o 70º aniversario da primeira visita de Cántigas da Terra á Bretaña, cando Galicia obtivo o recoñecemento de nación celta. Como aniversario desta efeméride, preséntase nesta edición unha reflexión sobre o imaxinario atlántico e como éste contribuíu á consolidación de Galicia en clave de país.
Nos actos centrais, que terán lugar no teatro Rosalia de Castro, o público poderá escoitar escoitar ós coros Cantigas e Agarimos e Coral de Ruada. Ademais, participarán o cuarteto Ansuíña, que vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico logo de anos alboradas e concertos por todo o país; e o grupo Rebulir, un colectivo que percorre o mundo levando o baile e a música galega alén das nosas fronteiras (incluíndo a pasada edición do Festival Intercéltico de Lorient).
No espectáculo participará o Cadro de Teatro de Cántigas da Terra, que o conducirá dun xeito entretido e didáctico, centrándose na formación do imaxinario atlántico en Galicia e o papel clave que Cántigas e outras agrupacións folclóricas tiveron neste proceso. Como mostra, o público asistente poderá presenciar unha conversa na “Cova céltica” ou escoitar algunhas das lendas de Carré Alvarellos.
Ademais, nesta edición farase fincapé no caracter interdisciplinar do evento coa programación paralela da conferencia “Galicia e o panceltismo” de Felipe Senén ou o obradoiro de danzas bretoas, irlandesas e escocesas impartido por Pili Conde. A programación do Ciclo pecharase cun recoñecemento a Xeranio Torreiro, embaixador galego do Festival Intercéltico de Lorient.
18º Ciclo
- Data: 12/11/23 – 19:00
- Ubicación: Teatro Rosalía de Castro
- Evento: VXIII Ciclo de Coros Galegos – 1ª Xornada
Cántigas da Terra celebra o VXIII Ciclo de Galegos que en cada edición congrega a colectivos de todo o país que teñen por obxectivo divulgar a cultura galega. A presente edición reivindica a importancia das artistas a través dun percorrido por grandes figuras coruñesas como Lolita Díaz Valiño, María Casares ou Milagros Porta. Para esta fin, na primeira xornada terá lugar un espectáculo de baile e música tradicional a cargo de Cántigas da Terra, Saíñas de Xove e o Real Coro Toxos e Froles.





















