O seu tocar namora
Unha paisaxe emocional que nos identifica como galegas e galegos
Brisas da Cruña, Os Soutelo de Montes, Os Temprano de Eirís, Emilio Corral, Paco de Escornabois… O seu tocar namora! Que pensarías se che dixera que os podes escoitar a todos nunha mesma tarde?
O grupo de gaiteiros de Cántigas da Terra recupera dun xeito maxistral o repertorio propio dos gaiteiros e cuartetos máis célebres do país. As melodías retornan con máis forza e vida ao saír dos punteiros dos nosos gaiteiros, o profundo son dos roncos mestúrase cos tambores, pandeiretas e bombo. O teu corazón non parará de latexar a ritmo de Alborada!
Ademais dos xéneros máis populares, o colectivo traballa na posta en valor doutras formas do noso folclore que foron esmorecendo. Por iso, a proposta ofrece moita versatilidade e adáptase a diferentes formatos desde pasarrúas e animación musical ata actos culturais máis recollidos e íntimos.
Ataviados co traxe de gala mariñán, o Grupo de Gaitas e Percusión de Cántigas da Terra son un compendio de sensibilidade, enxebreza, emoción… O seu tocar, namora.
