Quen somos?

Coa creación das Irmandades da Fala, o primeiro nacionalismo precisa pragmatizar os seus ideais de recuperación da identidade propia, promovendo así o uso público da lingua galega. Con tal fin nace Cántigas da Terra (A Coruña, 28-12-1916). Nun contexto de emoción e creatividade, produto do amor pola Terra, xermolan o canto, o baile, o teatro, a poesía, a pintura… trátase dunha proposta que implica a case que todas as disciplinas culturais nun momento clave: os albores da globalización, nos que xa se albiscan síntomas de esquecemento e menosprezo cara ao propio. Ademais, a entidade axiña toma iniciativas importantes como a incorporación das mulleres.

Ata o cruento golpe do 36, o coro mantivo unha intensa ligazón co movemento galeguista, mais cando comeza a guerra son moitos os que se agochan, foxen ou son fusilados e Cántigas tivo que se adaptar ao novo réxime de ditadura. Con todo, manter o canto en galego e a negativa a integrarse na Sección Femenina simbolizan grandes logros nesta difícil circunstancia. Na altura, a agrupación florece no musical e gaña popularidade, realizando multitude de viaxes e gravacións. Outro fito salientábel é que Cántigas consegue para Galicia o recoñecemento como nación celta dentro do II Congreso do Mundo Celta (Bretaña, 1954).

O repertorio constitúeno cántigas recollidas do imaxinario popular, moito antes de que a radio e a televisión fixesen aparición nas casas; destacando nas harmonizacións creadas a sensibilidade e o respecto dos mestres polas músicas orixinarias. Outra boa parte xorde de compositores capaces de crear melodías xenuínas que logo foron adoptadas como propias polo pobo, volvéndose anónimas.

A proposta artística do coro combina as voces cos instrumentos, o baile e o teatro autóctonos, creando unha paisaxe emocional que nos identifica como galegos. Ademais, a entidade traballa na recuperación do espazo que lle é propio dentro do País, no uso normal do noso idioma e na interrelación entre as distintas disciplinas culturais, cumprindo o desexo dos fundadores.

[…] Por meiazón distes coros, saberemos de alalás, rianxeiras, montañesas, foliadas e outros cantos galegos que na cibdá descoñecíamos. Por meiazón d’iles, puidera sere –até o d’agora non foi- qu’o tempo que van espertando o agarimo aos cantares enxebres, esperten tamén o agarimo á terra.

Pra chegare a iso, é mester, perciso, fondamente perciso, qu’os rapaces que cantan nos coros, sexan tan galegos cando cantan ou representan coma cando non o fan. […]

(“Un coro galeguista máis”, A Nosa Terra, 20 de xullo de 1917)

Escolas da Terra 2022-2023