O Cadro de Teatro

Coa fundación de Cántigas da Terra, créase o seu Cadro de Teatro, debutando ante o público o 12 de xullo de 1917 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, coa peza “A festa da patrona de Tabeirón” de Enrique Labarta Pose. Estaban dirixidos artisticamente por Leandro Carré Alvarellos e Xosé Iglesias Roura. O Importante era “encher os teatros de público co Teatro Galego”, e nese camiño traballouse.

O 10 de novembro de 1917 estréase no mesmo teatro “Pra vivir ben de casados“ de Carré que encheu os teatros de todo o País representada tamén por outros moitos grupos de Galicia e América. Logo representáronse “O Pazo” de Manuel Lugrís, “A ruín matéria”, “Sabela”, “Copas e bastos”, “Feromar” de Galo Salinas, “Tolerias”, “Enredos” e “A primeira conquista” de Carré, “Limpa, fixa e dá esplendor” de Xacobe Casal , “Almas sinxelas” de Lameiro, “Na casa do ciruxano” de Roxelio Rivero e Telésforo Sestelo, “A patrea do labrego” de Antón Vilar Ponte,... Converténdose Cántigas naquela altura, da man de Leandro Carré, nun referente da renovación do teatro galego.

Banqueiros e outras especies

Presentamos una proposta pequena mais que consideramos segue de máxima actualidade, de feito así leva sendo desde que se constata a súa existencia, Bancos, banqueiros, crise, espolio ou atraco. Temáticas que son ben axeitadas para un xénero que vai máis aló da comedia e que é unha ferramenta de gran valor para a reivindicación e a protesta a través da ironía, da elegancia e coma non podía ser doutro xeito da retranca, e todo iso grazas ás autoras e autores que conseguen traballar coa palabra e o diálogo ese xogo tan preciso e a un tempo necesario.

Recollemos logo dúas pequenas pezas en extensión, mais grandes en contido e en calidade, como todas as que compoñen esta colección que sacou ao prelo a Editorial Laiovento no ano 2012 e que leva por título Banqueiros, e que recibiu o premio da ELGA á mellor obra teatral do 2012. Colección dirixida por Francisco Pillado Maior, unha institución na dramaturxia galega contemporánea e alguén que aportou o seu incrible patrimonio intelectual para concederlle ao teatro galego contemporáneo, e as súas dramaturgas e dramaturgos o lugar que merecen e que lles corresponde. Traballo incansábel con ese propósito, o que lle leva, non só a ser cofundador da editorial Edicións Laiovento, senón que nesa andaina dirixe, entre outras coleccións, Cadernos da ‘Escola Dramática Galega’, Cadernos da Sala ‘Luis Seoane’ e a revista ‘Casahamlet’, referente irrefutábel da aprendizaxe teatral. Verteu e versionou ao galego gran cantidade de obras de referentes esencias do teatro, nomeadamente do europeo. En colaboración con outro dos imprescindíbeis do teatro galego contemporáneo, Manuel Lourenzo, sacaron ao prelo manuais importantísimos e ben necesarios ao respecto do teatro galego como O Teatro Galego, Antoloxía do Teatro Galego, Dicionario do Teatro Galego ou Guía das Obras Dramáticas de Álvaro Cunqueiro. Tamén publicou un interesantísimo estudo sobre o Teatro de Manuel Lugrís Freire. Como non podía ser doutro xeito este valiosísimo traballo tivo por volta varios recoñecementos como o Premio Abrente de Honra ao mérito das Artes Escénicas do Concello de Ribadavia, a proposta do Festival Internacional de Teatro de Ribadavia no ano 2012, así como o premio Ibán Toxeiro, concedido pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda de A Coruña pola súa adicación ao teatro no ano 2014, entre outros.

É, por tanto, un referente indiscutíbel, no rexurdir e no presente das Artes Escénicas do noso pais.

A escolla das dúas pezas que poñemos sobre as táboas, de entres as 20 que compoñen esta interesantísima compilación, foi ben difícil, mais tendo en conta aspectos formais, de posta en escena, medios, tempo, ensaios e elenco, entre outros, determinamos desenvolver o traballo escénico e esta proposta teatral con dúas delas, No Psiquiatra: A Farsa do Banqueiro, da prolífica e sempre certeira Marica Campo; e Crises doutro gran exemplo da escrita, do amor polo teatro e da loita Lois Diéguez.

Na súa peza Marica Campo amósanos, a través dun interesante xogo de psicanálise, ata que extremos pode chegar a cobiza humana, mesmo converténdose na máxima fantasía erótica de quen a padece, aqueles que só pensan en acumular capital coma vampiros insaciábeis, o ouro fai soberbios e a soberbia necios, así que o mundo sen eles non só seguirá a rodar senón que o faría mellor.

Lois Diéguez arrinca a súa proposta cunha crónica xornalística que ben podería ser real, senón é que o foi. Aquelas persoas, nomeadamente as de certa idade, que, se cadra sen seren moi conscientes, transgriden as normas do estabelecido e nunca confiaron, nin o farán, nun sistema que obriga a ser clienta dun negocio turbio, o colchón fronte a entidade bancaria. Converte esta peza nunha radiografía, a dun sistema todo el apodrecido e que conta con ferramentas moi poderosas para seguir abafando e maltratando as persoas e, porén, aos pobos.

Desde Shakespeare que escribira, ‘detrás de toda gran fortuna hai un crime’, a Bertol Brecht que dixera, ‘se roubar un banco é un delito máis delito é crealo’, á banda británica The Clash, que cantou, ‘meu pai foi un atracador de bancos que nunca fixo dano a ninguén, adoraba vivir dese xeito e adoraba roubar os teus cartos’. E así en millentos exemplos, en todos os eidos da cultura e da arte, desde moi antigo ata a actualidade, esta mensaxe se repite, como reflexo dunha realidade abafante que padecemos para maior fortuna duns poucos e de, aínda menos, outras, que como individuos que son carecen da tan necesaria importancia colectiva. A palabra crise volve estar de máxima actualidade, repítese coma un mantra, unha vez e outra máis, desde que tomou aínda máis forza nos últimos últimos 13 anos, mais que xa viña sendo un continuo estado no que decidiron debemos viver, ata día de hoxe, no que a súa repetición leva unha constante temporal de 0,4 segundos, mais o seu significado etimolóxico non coincide co seu significado na práctica, nomeadamente para todas e todos nós, a poboación á quen se lle infrinxe, semella que non é momentánea, como a súa definición indica, pervive no tempo para nós, non para aqueles individuos. Así como tampouco que sexa motivo de evolución, se ben, fainos vítimas dunha involución, recortes en dereitos laborais, nos sectores públicos, mesmo nos dereitos e liberdades, e todo grazas a súa sacrosanta crise e porque nós, a quen se nós adxudica a culpa divina, demos en viver por enriba das nosas posibilidades pedindo empréstitos aos bancos, por exemplo, para materializar un capricho como o de ter unha vivenda digna e en condicións, dereito que se nos di, coa boca enchida, é un mínimo imprescindíbel, sen medo ningún a caer na contradición máis flagrante. Cartos que tan xenerosamente nos entregan para adquirir un inmóbel froito da especulación urbanística da que, estes mesmo bancos, son actores directos e, na maioría dos casos, coa aprobación e beneplácito de quen ostenta a responsabilidade política. Preferentes, produtos bancarios tóxicos, os ricos una outra vez roubándolle aos pobres, o mundo ao revés, e o sistema dándolles facilidades para exercer impunemente a súa dinámica delitiva. Un circuíto como o mesmo que fai a pescada que morde a súa propia cola. Mudan as formas, mais semella se perpetua no tempo. Con todo non hai nada mellor que ser conscientes e utilizar todas as ferramentas das que dispoñemos para a denuncia e na nosa defensa, e parafraseando, unha outra vez, á banda británica The Clash, ‘non vou ficar deitado pensando que mala sorte teño’. O teatro é unha desas ferramentas, para denunciar a inxustiza, reivindicar o noso existir colectivo, o que nos pertence como propiedade compartida e inmaterial, e para así seguir a construír un mundo mellor e mudar a realidade concedéndonos un futuro que rache cunha crise sistémica e apodrecida como os entes que a provocan, ou, cando menos, usan como xustificación para ás súas falcatruadas.

Escolas da Terra 2022-2023